16 de nov. de 2011

DA ECONOMÍA NA RADIO E NUNHA CUNCA (PEQUENA) DE LEITE



     Hoxe, mentres conducía, lembrei un anuncio da tele de hai xa uns anos. Tampouco moitos, eh! Trataba da maridaxe entre a máis crocante das galletas e o máis sabedor dos cereais da que nacía, TACHÁN! un novo e nutritivo almorzo. Unha mestura que nin o gato-can dos debuxos da galega da mesma época. O caso é que, con Flòrian, o sobriño de Valeria, daquela alumno de infantil, os publicistas marraron a estratexia. Razón non lle faltaba cando, ao velo, concluía dubitativamente:

     ... entón, comemos os seus fillos...

     Digo que me acordou isto porque no coche, noventa e cinco punto dous no dial, un catedrático dalgunha rama da economía para min descoñecida explicaba a crise coma un problema de consumo e esgotamento do crédito no presente, co que finalmente devoramos o produto do futuro. Claro. Evidente.

     Mira ti por que me sentaban mal os crispis.