17 de mar. de 2013

PARABÉNS!



     Atopastes o meu blogue! Agora, ademais de botar unha ollada para saber que caralladas escribo, farédesvos membros, non?

     Bicos,

     Nuno

5 de feb. de 2013

SILOXISMOS E DEMAGOXIA


     O seguinte gif animado ilustra dun xeito bastante real o funcionamento dos semáforos en Uviéu:








     Agora vexámolo a cámara lenta para comprobar o número de veces que o señor de verde aparece de xeito intermitente:








     Imos comparalo agora co que sucede noutros lugares, por exemplo en Xixón. Amodiño, até case aburrir:



 




     A poboación de Uviéu descendeu por primeira vez nos últimos trece anos segundo publicou La Nueva España. Para este xornal, a causa principal hai que buscala na falla de emprego do municipio. Pode ser, non o nego. Pero, igual outras cousas tamén axudan. 




1 de feb. de 2013

SOPA DE LETRAS



     -“Atope doce animais con cornos”. Imposible! No meu mundo só hai cinco.

     -Hum...

     -Xa apagaches o ordenador? Se non, aínda cacheaba na internet polos outros sete.

     -E o can-codrilo aquel que viras en Fisterra?

     -Boh! Claro que non! Non me sexas cativo!

     -Hum...

     -Apúntame os que faltan, anda. Pero non busques na sopa!


5 minutos máis tarde.


     -Ah! Non acabaches! Só escribiches seis. Ademais, o camaleón non vale. Para min ter cornos supón ter óso. E a xirafa, loh, ten ósos?





28 de xan. de 2013

EU SON ELA E PENSO...



     -... O que? A CHOVER!!!??? Nin que quixeran ir ao cine. Deben de crer que ten un teito retráctil e, segundo como cadre o día, péchase para que a xente non se molle ou ábrese para que lles corra o fresco. Boh! E a min que me importa. Eu, ante todo, profesional:

-   Collan o autobús nº1 e xa os deixa diante mesmo do xardín botánico.

25 de xan. de 2013

PROBLEMAS FÍSICOS


     Mentres solto as pílulas nas herbas altas que se estenden debaixo dos meus pés, o vento fai oscilar o cero da báscula. O frío vai cubrindo co seu manto a carteira e as chaves ao tempo que a roupa interior, máis lixeira, describe figuras imposibles no aire. Pecho os ollos e subo. Lentamente. No cumio debera sentir o meu corpo máis livián pero, non lembro ter adelgazado máis ca uns gramos antes de desmaiarme.


22 de xan. de 2013

PROFETAS



     Debutas nunha vivenda e non agardas visitas nos primeiros días. De súpeto, oes o prrrrrrr! do interfono. E quen será? Butano, aquí non temos. Os da auga ao mellor... Ah! Claro! Publicidade (perdón, correo comercial). Vou mirar pola ventá. Non vexo nada. Un confundido estudante que se deita cedo, talvez? Boh, só existe un xeito de sabelo. Preguntar quen timbrou. Resposta:

INFORMACIÓN BÍBLICA



15 de xan. de 2013

FAIME CASO, HO!



     Que máis teño que facer? Ofrézoche o meu mellor perfil, un amplo sorriso, miradas de esguello... Cando baixas a vista aproveito para poñer en valor a última sesión na perruquería; cando a sobes, desabrocho un botón. Se até levanto o mainiño con finura de milord cada vez que arrimo a copa aos beizos. E vas ti e debuxas ao vello noxento que aguanta da barra do bar. Xa che vale.



Rembrandt

10 de xan. de 2013

CO CHI NINH




Hoxe mamá vai probar coa pistola. Cando enviuvou por segunda vez, as cousas complicáronse. Unha denuncia. Unha investigación. Moito ruído ao redor da casa... Chamaba demasiado a atención. Mellor probar cun novo método. Menos sanguento. Máis limpo. Mesmo para a súa conciencia. Non, non debe resultar sinxelo acabar cunha vida. E mamá non é ningunha asasina. Sei que lle suaron as mans cando tivo a Martiño fronte a ela. Que o seu corazón latexaba a ritmo de Rock and Roll. Pero non fallou. Martiño faleceu no acto. Ninguén escoitou nada. Nin un grito, nin un berro cargado de dor. Nada. Os porcos morren agora no anonimato.




Gochu

DISE DO NADAL



     Época do ano propicia para aventurarse con libros de excelente relación número de palabras/prezo. Grandes tochos teñen caído nesas datas: Ao leste do Edén, O nome da rosa, O mestre e Margarita... Porén, non cadrou así desta. Cousas dun lector a refachos que, durante un tempo le canto cae nas súas mans e pasado o mesmo, non soporta nin as páxinas de deportes dos xornais. Quizais, coma no Nadal, o importante é a moderación. Sen cometer excesos.


1 de xan. de 2013

AMOR PLATÓNICO


     Da Terra Chá gústanme as cores. Especialmente nos meses do outono e do inverno. Esas tonalidades marelas, douradas, alternando coas verdes dos prados e das árbores de folla perenne. A figura das pólas espidas daqueloutras caducas contra o ceo cando morre a tardiña. E as casas, con paredes lisas de Exin castillos (para que balcóns que rompan a simetría?) E o frío!... a néboa... Pozas de auga, lagoas que van e veñen. Esa sensación de vivir nunha paisaxe pasada, entre cuncas de leite quente, contos á lus dun candil (si, digo ben) e lobos cos que compartir congostras. Lugares que teñen algo. Non sei o que, pero algo. Lugares desasfaltados.


Lagoa de Cospeito


26 de dec. de 2012

QUE VELLO VOU E QUE POUCO ME QUEIXO



Disque coa idade quedas antes sen alento. Eu xa nacín canso.

Disque coa idade patina o oído. Eu cada día escoito máis e oio menos.

Disque coa idade se perde a sensación de sede. Eu noto que debería ser Noiteboa todos os días para non ter a boca seca.

Disque coa idade nos volvemos máis conservadores. Ah non. Por aí si que non paso.



15 de dec. de 2012

REWIND E PLAY



     Non cómpre ser máquina para comportarse como un autómata. Ás veces non notas a diferenza entre que do outro lado do teléfono haxa un reprodutor de voz ou que sexa Jackeline directamente a que tente venderche unha tarifa de móbil máis económica cá que tes. O mesmo discurso, co mesmo ton monocorde, ensaiado e repetido até o infinito. Rewind e play. Vas a un punto de información turística e a persoa, amablemente, recita de memoria un texto aprendido como quen chapa a táboa de multiplicar. Rewind e play. De primeiro temos sopa de verduras, fabada e ensalada, de segundo ovos con chourizo e carne guisada. Rewind e play. Por iso se agradece tanto atopar unha persoa que goce explicándoche as cousas. Á que lle guste aquilo sobre o que está falando. Que traballe con amor á arte.

Magnetófono



13 de dec. de 2012

A PROPÓSITO DE EDUCACIÓN



     Leo nun xornal, café con leite grande ao lado, que saíron os resultados das últimas probas do rendemento dos estudantes españois. Non hai novidades: igual que mar azul, herba verde e Ferrari vermello, avaliación negativa constitúe un perfecto exemplo da combinación entre substantivo e epíteto... cando nos referimos ao nivel de aprendizaxe dos moz@s de hoxe. Ou así o dan a entender os medios de comunicación cada vez que se coñecen as puntuacións nestas enquisas. Vale. Pero algúns comentarios sobran. Salienta o diario en cuestión que, en excelencia matemática, empatamos con Irán e quedamos por detrás de Arabia Saudita e Qatar. Nada menos! Home, non creo eu que para chamar a atención do mal que andamos nós haxa que desprezar a outros. Fáltalles dicir que a nosa posición no ranking non difire dun deses países cativos. Atrasados. Do Terceiro Mundo. Dos que non conseguiríamos situar no mapa - por unha cuestión de educación.





12 de dec. de 2012

DE RATOS E HOMES



     Foi o primeiro libro que lin de John Steinbeck. Veume á cabeza estes días pensando na Sorte e na Desgraza. Pódese dicir que, ultimamente, teño boas relacións coa primeira. Sei que merecida. Porque a busquei. Pero por moito que cachees ás veces non atopas nada. Un currículo que asoma entre a vaixela dunha cafetaría, unha nai que tenta poñer en orde a desorde do seu fillo, xente acampada reclamando o que lles pertence... Aínda peor: encontrar o oposto ao que buscas. Coma George e Lennie.

Pésimos tempos para a empatía ou fabulosos para o fatalismo?



6 de dec. de 2012

UN ENCONTRO SINGULAR



     Só sei que as dúas rapazas ían rindo e que a muller avanzaba pola beirarrúa en sentido oposto. A elas e a nós. Do que sucedeu antes de cruzárense só podo fabular. Na película que me montei, as mozas eran unhas desagradables que se partían o cu polo aspecto da señora. A mochila moito non lle pegaba, a verdade, pero polo demais tampouco se saía do “normal”. Tiña que haber algo máis. Por desgraza, avaliar á xente non se me dá moi ben. Non vexo eses detalles. Non estudei para iso. Xa mo dixo ela cando pasou polo noso lado:

- Allí arriba hay un psicólogo que ye muy bueno




4 de dec. de 2012

DESFASE



     Para min, sentar a media tarde cun café con leite morno e un xornal, lendo relaxadamente o que acontece polo mundo, é un momento sagrado. Gozar absorto entre as páxinas de deportes e as de opinión, un deleite. Existe tamén a variante matutina, que non desmerece da anterior pero, claro, póñome a pensar que aínda me queda por facer aquilo que proxectei para o día en curso e non me presta igual. Malia todo, descubrir que o anterior inquilino do piso no que acabo de entrar de alugueiro era fiel seguidor/a das revistas do corazón, supuxo unha agradable sorpresa. Xa me vexo cos crispis e o Hola pola mañá cedo! Unha mágoa que levase tanto tempo baleiro porque, no salón, Tamara Falcó vístese por primeira vez de noiva e, no programa de Mariló, medita comprometerse con Deus.


29 de nov. de 2012

RECOCHURA


     Sirva esta entrada como sentida homenaxe a todos eses centros de traballo sen os cales este país non sería o que é. A eses modelos de produción baseados na procura da máxima calidade (vale ben), na toma de decisións a partires do consenso, por riba da xerarquía na cadea de mando (ten que ser) e no triunfo da valía profesional fronte aos prexuízos persoais e o enchufismo (pa’ caaasa!). A todos eles só lles podo dicir...




27 de nov. de 2012

DEFINICIÓN DE INSALUBRE



     O piso que vin hoxe. Último inquilino: Gregorio Samsa. Un quinto ao que se sobe sen ascensor. Nin bombonas de osíxeno. Dous sherpas locais abriron o camiño. A duras penas contiñan a hilaridade. O mal de altura, supuxen. Que tamén se manifestaba ao entrar na vivenda. Por riba do metro e oitenta centímetros da porta. A realidade supera a ficción: fotografouno para a web o autor da serie de instantáneas sobre a Cheeseburger. Se tan sequera cheirara a hamburguesa! Vantaxe: imposible que as bacterias se reproduzan nun medio tan hostil. Abandoneino con profundo pesar: fóra viña frío.






26 de nov. de 2012

INERCIA



     Oposición ao cambio. Sobes de último ao autobús na túa parada, este arrinca antes de que sentes e a túa verticalidade abanea. A física nunca me aproveitou así que igual o exemplo non se corresponde coa definición. Pensei na inercia esta fin de semana ao comprobar como o mundo reduciu a súa velocidade estes días mentres eu sigo coma a mesma sensación de stress que levo arrastrando anos. Como se non houbese un mañá. Como se non puidese parar. Corre, corre. Corre!

     Creo que teño falta dun rozamento que me free.