21 de xan. de 2011

DA INAPLICABILIDADE DA FILOSOFÍA CARTESIANA ÁS CORREDOIRAS E DAS RESPOSTAS QUE ACHEGA NO CASO DAS ESTRADAS


     As corredoiras non agochaban filosofía ningunha. Non tiñan ciencia, vaia. Desprazábaste dun pereno por elas...  Raramente algún vehículo exercía presión ás túas costas. Tampouco atoparías ningún diante que se desacougase porque lle meteras présa. Chegabas ao teu destino, “aparcabas” e rematado aquilo que che obrigou a desprazarte, volvías sen máis gaitas. Fin do conto.

     Coas estradas ocorre o contrario. Seguro, pero seguro que, cando alguén monta nun automóbil, antes ou despois notará o alento na caluga doutro con apuro de máis. E aparecen os nervios. As suores. As miradas furtivas polo retrovisor. Primeiro, rosmas. Despois bérraslle sabendo que non te oe. Como a un árbitro pola tele. Cómpre actuar. Mais como? Foron moitos os sabios que ao longo da historia ofreceron respostas a esta pregunta. Desta volta, salientaremos a alternativa cartesiana como solución, aplicando os seus principios en función das circunstancias.

-o-

     Caso 1: Comarcal 305. Liña continua. Curvas cada pouco. Tráfico fluído. Circulas correctamente. Porén, o coche tuning-in-the-night que levas detrás, non o percibe así. Veche como zupia de estrada. Amólache. Fiestras abertas. Retumba o chunda chunda. Dáche luces. Incomódase. Como dicía Descartes:

“A miña segunda máxima consistía en ser nas miñas accións tan firme e decidido como puidese, e non seguir as opinións máis dubidosas, unha vez que me tivera decidido por elas, con menor constancia que se tivesen sido as máis seguras”.

     Tradución: Se respectas os límites e ao teu perseguidor lle proe, que se aguante. Vai máis amodo aínda.

-o-

     Caso 2: Cidade. Buscas onde aparcar. Un trauma? Unha putada? Non. Coñeces un lugar perfecto. E preto. Seguro que alí che agarda o oco soñado. Pero outros condutores axexan. Hienas! Rin: gui, gui, gui! Descartes escribiu:


“Coma un home que camiña só e ás escuras, resolvín avanzar tan lentamente e con tanta circunspección en todas as cousas que, por máis que avanzase pouco, me gardase polo menos de caer”.

     Tradución: Faite o parvo. Non amoses nin chica de seguridade. Esas feras chéirano. Seguirante. Descubrirán o teu segredo. E outro día ocuparán antes ca ti o lugar que crías reservado. Disimula. Como se ignorases que rumbo tomar. Menos guapo, chamarante de todo, certo. Pero xa marcharán, xa.

-o-

     Caso 3: O fulano continúa coméndoche o parachoques, indiferente á túa idiosincrasia cartesiana. Espaventos. Coseu o dedo á bucina. Dous empastes na queixada. Descartes deixouno moi claro:

“A fin de non permanecer indeciso nas miñas accións, mentres a razón me obrigase a selo nos meus xuízos, e non deixar de vivir, polo tanto, da maneira máis feliz que puidese, formeime unha moral provisional”.

     Tradución: Baixa a ventá e alíviate.




17 de xan. de 2011

CAMBIO DE RASANTE: RELAXACIÓN CON CORREDOIRAS


     Hai días que un non vive. Crúzanseche, bates contra eles, insistes, tentas superalos, non se deixan, a ver se o dou saltado, é moi alto, tíraslle con rabia unha pedra, frontón que cha devolve, dóeche a cabeza, pésache o corpo e o día segue aí. Imperturbable. E parece que non se acaba.

     Se o tempo o permite, un paseo por unha corredoira acouga. Mesmo de inverno, se choveu, esquivar as pozas ou as pedras que trouxo a última enchente alivia. Desconectas. O aire frío limpa o resto. Se non, botar un rotulador a andar tamén é unha boa alternativa.



(Detalle do cadro “Estrada con ciprés” de Vincent Van Gogh en versión libre. A presenza do carro en promiscuidade cos labregos confirma que se trata, en realidade, dunha corredoira)

Para ver o orixinal, preme na seguinte ligazón:
"Estrada con ciprés"</a>

13 de xan. de 2011

DA CONEXIÓN EXISTENTE ENTRE AS CORREDOIRAS E A NUMISMÁTICA


     00.25 a.m. Valeria mira a predición do tempo na canle 24 horas. Está soa. Contra a medianoite marchou Ramires. Custoulle un mundo abandonala. Non era quen de abrir a porta. Na televisión van pasando as temperaturas, as nubes, as cidades, os países... Agora exerce de secretaria, pero antes de reciclarse estudou xeografía e historia. Gústanlle os mapas. Adora o inicio d’O Corazón do Negror de Conrad, visitar os lugares en branco do globo, poder dicir eu, eu! algún día irei aló. Envexa a Mundinho, como describe as súas viaxes, de que paixón as dota ao contalas. Valeria non pode permitirse eses luxos e probablemente non poida facelo nunca. Por iso, desde cativa desenvolveu mecanismos para substituír esas sensacións, coma calmantes para a dor de cabeza, metadona contra o mono. Copiaba continentes dos atlas e dáballe cor aos estados, aprendeu de memoria as capitais de todos eles, elixía libros en función da orixe do autor... Ansiaba ter algo de cada lugar do mundo e, finalmente, atopou o recurso perfecto: a numismática.

     Seu avó traballara nun asteleiro e seu pai, de mariñeiro. Eles proporcionáronlle as súas primeiras moedas. Outras apareceran pola casa, patacóns, reais, perras chicas. Co tempo, contactou con outros que compartían afección e a súa colección medrou. A onde non chegaba con elas tentábao con billetes, selos ou postais, pero todo isto parecíalle máis impersoal. Sen chicha. Sen historia. De que lle servía unha estampiña mercada que, cuño á marxe, semellaba non ter sido pegada nunca nunha carta? Sen cuspe. E unha postal sen grafías en cirílico do remitente? Sen tinta. Non, mellor as moedas. Sen brillo. Desgastadas polo uso. Que puidese imaxinar que alguén mercou tabaco con ela en Vladivostok e devolta como cambio a un funcionario en San Petersburgo antes de acabar nas súas mans. Pagar cun Quixote en Alemaña e que regrese ao teu peto no Algarve. Que o mundo pasase por ela e ela polo mundo. Igual que as rodeiras dun carro quedan marcadas nas corredoiras. Ou as pegadas dun porco bravo. Ou a enchente do último inverno. Alguén lembra ao último que circulou por unha autoestrada?