25 de xuño de 2011

EPÍLOGO




25 de xuño de 2011
Asunto: Resistencia á posición vertical das súas tapas




F. A. Gomes
Presidente da Asociación de Fabricantes de WC


Como usuario da súa liña de produtos, desexo facerlle chegar unha queixa respecto dos últimos modelos de retrete que están lanzando ao mercado. Sucedeume xa en tres lugares: na casa, no traballo e, hoxe, no piso dunhas amizades. Probablemente se deba á miña condición masculina pero, malia posuír unha man en cada brazo, e un par de brazos pegados ao corpo, síntome incapaz de realizar dúas cousas a un tempo: ou aguanto da tapa, ou aguanto de... 


Unha aperta


Nuno C.

22 de xuño de 2011

DO MONÓLOGO SOBRE O INSOPORTABLE PASO DO TEMPO E DA CAPACIDADE DIURÉTICA DAS ESTRADAS (Parte II)



-o-

     Pero, volvamos ao importante. Ao quid da cuestión. Porque, se realmente desexas abrirlle a gaiola ao paxaro e non consegues que se che escape ren polo peteiro, existe unha solución infalible: conducir. Desde logo, os poderes diuréticos do binomio coche - estrada merecen, unha sentida homenaxe. Canta xente, entre a que me inclúo, non ben sacamos a chave do contacto e xa estamos levantando a tapa do retrete. Tempo haberá de quitar as bolsas da súper do maleteiro, de saber se o papel do parabrisas provén do libro de receitas do Concello, de comprobar se che daban luces porque picaches unha roda ou porque os Verdes andaban de safari fotográfico... co apuro, perdemos a noción das cousas. E todo, sen necesidade de infusións de Ononis Spinosa nin de caixas de 28 pílulas con prezo de venda ao público invisible, nin gaitas (nunca mellor dito). A custe cero para a Seguridade Social.





     A miña prematura vellez permíteme lembrar como, na época na que as corredoiras dominaban o mundo, en besta ou a pé, bastaba con deterse e arrimarse a unha esquina para aliviarse con fruición. Co único e masculino inconveniente, claro, de que as petrinas dos pantalóns non se inventaron até o século XIX. Un lugar discreto para a descarga, un psss!, sacudida e pa’ dentro. De súpeto, ignoro o motivo, mutación xenética se cadra, do tronco común do transporte xurdiu unha especie sensiblemente máis evolucionada, clave por outro lado en eidos moi diversos. Sen ir máis lonxe, na política moderna: o chofer. Alguén que se despraza con alguén a algures, ou o adeus ás viaxes en solitario. Unha figura que ficou illada até os nosos días respecto das do acompañante, copiloto, xefe que non se senta – esbarráncase - no asento de atrás, etc. e que xa posuía esa característica micción de fin de traxecto.

     Imaxino a supervivencia daqueles primeiros pasaxeiros durísima fronte a esta nova criatura tan adaptada á súa contorna. Agora, cando non nos toca termar do volante, evitamos mexar concentrándonos na paisaxe ou no DVD talvez, pero daquela non quedaba outra que implorarlle ao condutor que fixese un alto no camiño. Algo que, á marxe dun problema de intimidade, supuña un acto dunha vulgaridade extraordinaria. Non sei, non vexo a ese terceiro vizconde de Plymouth, con nobres achaques de vexiga, solicitándolle unha paradiña ao cocheiro. É que teño unha aristocrática urxencia. Bautista. Non, non. Ademais, seguro que estes reparos retrasaron a aparición da prensa amarela. Da Cuore, por poñer un exemplo.

     Porén, produciuse un cambio no medio que acelerou o desenvolvemento da capacidade diurética humana: o asfalto. Particularmente, as autoestradas. Entre que pensas que, total, para o que falta, total, agora xa logo chego, e que a empresa adxudicataria da súa construción nunca se permite o luxo asiático de gardar unha gota de piche para unha área de descanso (se para estirar as pernas carecen de orzamento, de plantar un piñeiro onde botar un pis nin falamos, claro) exercitas a resistencia si ou si. Pola conta que che trae. Coidando que a temperatura do interior do coche non provoque un efecto multiplicador das túas obrigas fisiolóxicas (volvendo ao paréntese anterior, e un banco e unha mesa para roer nun sándwich?), subindo totalmente a fiestra para que o zoar do aire entrando no vehículo non che avive a ansia (se polo menos apañaran as silvas nas curvas amputadas do trazado orixinal que aproveitan para a ocasión...) ou retorcéndote no sitio buscando a postura axeitada para previr a traxedia.

     Conducir.

     Un drama urolóxico.



20 de xuño de 2011

DO MONÓLOGO SOBRE O INSOPORTABLE PASO DO TEMPO E DA CAPACIDADE DIURÉTICA DAS ESTRADAS (Parte I)



     Rabos de pasa. Memoria de peixe. Un esconxuro. A idade cóbrache unha alta peaxe para que accedas ás vantaxes da experiencia. Claro que, se non te acordas do que fas, dificilmente vas poder aplicar o que aprendes. Así é que, levo unha semana cacheando polo borrador dunha entrada para o blogue, pero non o dou atopado...

De aí que me sinta tan vello
Tan canso
Tan derrotado

     Como cando me decatei de que me gustaban as tonalidades amarelas, ocres e castañas das follas das árbores no chan nos meses de outono e, inutilmente, tentei pegalas de novo aos estremos das pólas con cinta de embalar. De cor marrón, por suposto.



     Ou como aquel día de infausta lembranza, no que por vez primeira encontrei un solitario (e esaxeradamente longo) pelo branco no medio e medio do peito. Xa tiña o fío, co esterno a cana, só necesitaba un anzol para enganchar a miñoca. Home, despois, como con todas as cousas, un acaba por afacerse, pero botei unha boa tempada valorando a posibilidade de depilarme de corpo enteiro, con tal de non seguir imaxinándome transmutado no xemelgo de Copito de Nieve (q.e.p.d.).

     Por non falar da ocasión na que, farto de cargar coa mochila ao lombo nunha viaxe de interrail, desexei desde o máis profundo da miña ialma unha maleta con rodas; eu, que sempre critiquei o pouco aguante da xuventude actual (oh!, nin que nós non carrexáramos libros), como se as desviacións nas costas supuxeran un patrimonio exclusivo desta xeración; eu, que en tantas oportunidades me reprimín para non soltar un couce aos cestos móbiles das vellas na praza (esas que non poden co peso dunha cabeza de repolo pero gozan meténdoseche diante á hora de pagala, esas!, finas do grelo!), pequenos carros de combate para os que os teus pés nunca constitúen un obstáculo infranqueable. Demasiada flor de pitiminí.



Os anos,
esa arma coa que se traizoan os principios.

A idade,
ese virus que desprende retinas e linguas.

     Que me falta? A próstata? Problemas de incontinencia non exclusivamente verbal? De momento, áchome na fase anterior. Esa na que, pola contra, non mexas. Esa na que, ti dis que retés líquidos cando, en realidade, acumulas sólidos. Ademais, casualmente nun único sitio. Míraste no espello e, que ves? A cachola e o barrigón. De fronte, un 8 perfecto. De perfil, un B maiúÚúsculo.



- É que son de óso gordo - escúsome.

-o-



22 de maio de 2011

HISTORIAS DE ESTRADAS



     -Rapaz, poderías premer o botón para que se poña en verde para os peóns?

     Mentres falaba, man sobre man e ambas as dúas sobre o caxato, o ancián acompañou a mirada cunha lixeira elevación do furabolos sinalándome que alí, alí debía sobar. Home, xuraría que xa o fixera pero, habituado a que transcorra tanto tempo até que se escoita o nome dunha rúa polo altofalante e a que o señor colorado supere a súa vergoña, tampouco apostaría unha unlla a que eu levara a razón. Ademais, distraérame ollando o tríptico que acababa de recoller na oficina de turismo. Así que, por educación e máis ca nada por se acaso, deille. Xirei a cabeza buscando a aprobación do vello pola miña boa acción pero sorprendino no medio dun sorriso que reprimiu ao sentirse descuberto. Non entendín a conto de que viña esa reacción, cousas da idade, pensei, e volvín ao folleto.

     Ignoro canto se moveu a agulla do reloxo, tan eternos son os segundos ao pé dun semáforo cando, de esguello, vin unha moza que cruzaba, sen agardar á cor verde, cara ao meu lado da estrada. Acenoulle aos coches a xeito de agradecemento por deterse, e pasou por entre o vello e eu, para despois desviarse e desaparecer definitivamente.

     -Esta xuventude, sempre ás présas...

     Como queira que, por natural instinto depredador, fun detrás dela un cacho coa vista, cando quixen recuperar a compostura e centrarme no papel que tiña diante, a miña ollada bateu novamente coa face do ancián. E, igual ca antes, cacheino rindo sibilinamente. Talvez para mandar a auga á súa torna (ou iso cría) pediume por segunda vez que premese o botón. Empezaba a amolarme.

     Un par de homes ensumidos en cadanseu chándal, un, dous, un, dous, inspirar, uuuufp, expirar, pfuuuu, partiron do meu carón, repetindo a manobra da rapaza, malia que os vehículos dunha e doutra banda (un camión de reparto de butano e unha furgoneta dunha empresa de instalacións eléctricas) frearon cunha dozura, para min, fóra do común.

     -Nin que non puidésedes agardar un minuto!

     Vale. Neste punto, o que lía sobre edificios do medievo e castelos enfeitizados, xa me importaba un carallo. Aqueloutra vella gloria atraía a miña atención. Como se el o soubese, ergueu o bastón por riba da cachola alén do rabo da boina, (non escordou o ombreiro, non) e seguiu protestando, cun aquel de teatralidade e sen parar de ensinarme a dentadura postiza.

     Sucedeu daquela que outra xente se puxo a cruzar, desde a beirarrúa contraria. Tamén desde a que eu ocupaba. E, con eles, a momia. Ao longo de tamaña odisea non deixou nin de mirar cara a min nin de soltar gargalladas espasmódicas. Cando, aleluia!, chegou ao seu destino, levantou o báculo e apuntou en dirección ao semáforo. Como se quixera avisarme de que xa non estaba en vermello.

     Pois non. Non era iso.