O piso que vin
hoxe. Último inquilino: Gregorio
Samsa. Un quinto ao que se sobe sen ascensor. Nin bombonas de osíxeno. Dous
sherpas locais abriron o camiño. A duras penas contiñan a hilaridade. O mal de
altura, supuxen. Que tamén se manifestaba ao entrar na vivenda. Por riba do
metro e oitenta centímetros da porta. A realidade supera a ficción:
fotografouno para a web o autor da serie de instantáneas sobre a Cheeseburger. Se
tan sequera cheirara a hamburguesa! Vantaxe: imposible que as bacterias se
reproduzan nun medio tan hostil. Abandoneino con profundo pesar: fóra viña
frío.
27 de nov. de 2012
26 de nov. de 2012
INERCIA
Oposición ao
cambio. Sobes de último ao autobús na túa parada, este arrinca antes de que
sentes e a túa verticalidade abanea. A física nunca me aproveitou así que igual
o exemplo non se corresponde coa definición. Pensei na inercia esta fin de
semana ao comprobar como o mundo reduciu a súa velocidade estes días mentres eu
sigo coma a mesma sensación de stress
que levo arrastrando anos. Como se non houbese un mañá. Como se non puidese
parar. Corre, corre. Corre!
Creo que teño
falta dun rozamento que me free.
![]() |
22 de nov. de 2012
ARQUIVOS
Que
duro resulta baixar aos sotos da memoria! Falo de cando non levas compás. Se o
fas porque unha lembranza feliz te orienta, fantástico; se se trata dun este
que che recorda a un aquel, aínda pode ter un pase. Pero cando é por obriga...
comezas notando unha pequena incomodidade, despois o efecto dun émbolo que
descende lentamente pola testa até que por fin te das conta de que, se botas
moito tempo alí, acabarás enfermando. Lava as mans ao saír: eses papeis deben de
estar cargados de bacterias.
21 de nov. de 2012
TELÉFONO!
Será
porque en termos xeolóxicos entrou na casa a noite pasada ou será porque só desde
esta mañá podemos coñecer con antelación quen se dirixe a nós pero... creo que
aínda non me afixen a descolgar o auricular e falar con alguén sen velo. E
véndoo, moitas veces tampouco. Agora debo superar as miñas fobias atendendo
chamadas. Que o consiga cando me toque a min iniciar a conversa está por chegar.
Valor!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)

