4 de dec. de 2012

DESFASE



     Para min, sentar a media tarde cun café con leite morno e un xornal, lendo relaxadamente o que acontece polo mundo, é un momento sagrado. Gozar absorto entre as páxinas de deportes e as de opinión, un deleite. Existe tamén a variante matutina, que non desmerece da anterior pero, claro, póñome a pensar que aínda me queda por facer aquilo que proxectei para o día en curso e non me presta igual. Malia todo, descubrir que o anterior inquilino do piso no que acabo de entrar de alugueiro era fiel seguidor/a das revistas do corazón, supuxo unha agradable sorpresa. Xa me vexo cos crispis e o Hola pola mañá cedo! Unha mágoa que levase tanto tempo baleiro porque, no salón, Tamara Falcó vístese por primeira vez de noiva e, no programa de Mariló, medita comprometerse con Deus.


29 de nov. de 2012

RECOCHURA


     Sirva esta entrada como sentida homenaxe a todos eses centros de traballo sen os cales este país non sería o que é. A eses modelos de produción baseados na procura da máxima calidade (vale ben), na toma de decisións a partires do consenso, por riba da xerarquía na cadea de mando (ten que ser) e no triunfo da valía profesional fronte aos prexuízos persoais e o enchufismo (pa’ caaasa!). A todos eles só lles podo dicir...




27 de nov. de 2012

DEFINICIÓN DE INSALUBRE



     O piso que vin hoxe. Último inquilino: Gregorio Samsa. Un quinto ao que se sobe sen ascensor. Nin bombonas de osíxeno. Dous sherpas locais abriron o camiño. A duras penas contiñan a hilaridade. O mal de altura, supuxen. Que tamén se manifestaba ao entrar na vivenda. Por riba do metro e oitenta centímetros da porta. A realidade supera a ficción: fotografouno para a web o autor da serie de instantáneas sobre a Cheeseburger. Se tan sequera cheirara a hamburguesa! Vantaxe: imposible que as bacterias se reproduzan nun medio tan hostil. Abandoneino con profundo pesar: fóra viña frío.






26 de nov. de 2012

INERCIA



     Oposición ao cambio. Sobes de último ao autobús na túa parada, este arrinca antes de que sentes e a túa verticalidade abanea. A física nunca me aproveitou así que igual o exemplo non se corresponde coa definición. Pensei na inercia esta fin de semana ao comprobar como o mundo reduciu a súa velocidade estes días mentres eu sigo coma a mesma sensación de stress que levo arrastrando anos. Como se non houbese un mañá. Como se non puidese parar. Corre, corre. Corre!

     Creo que teño falta dun rozamento que me free.