Leo nun xornal, café con leite grande ao lado, que saíron os
resultados das últimas probas do rendemento dos estudantes españois. Non hai
novidades: igual que mar azul, herba verde e Ferrari vermello, avaliación
negativa constitúe un perfecto exemplo da combinación entre substantivo e
epíteto... cando nos referimos ao nivel de aprendizaxe dos moz@s de hoxe. Ou así o
dan a entender os medios de comunicación cada vez que se coñecen as puntuacións
nestas enquisas. Vale. Pero algúns comentarios sobran. Salienta o diario en
cuestión que, en excelencia matemática, empatamos con Irán e quedamos por
detrás de Arabia Saudita e Qatar. Nada menos! Home, non creo eu que para chamar
a atención do mal que andamos nós haxa que desprezar a outros. Fáltalles dicir
que a nosa posición no ranking non
difire dun deses países cativos. Atrasados. Do Terceiro Mundo. Dos que non
conseguiríamos situar no mapa - por unha cuestión de educación.
13 de dec. de 2012
12 de dec. de 2012
DE RATOS E HOMES
Foi o primeiro
libro que lin de John Steinbeck. Veume á cabeza estes días pensando na Sorte e
na Desgraza. Pódese dicir que, ultimamente, teño boas relacións coa primeira.
Sei que merecida. Porque a busquei. Pero por moito que cachees ás veces non
atopas nada. Un currículo que asoma entre a vaixela dunha cafetaría, unha nai
que tenta poñer en orde a desorde do seu fillo, xente acampada reclamando o que
lles pertence... Aínda peor: encontrar o oposto ao que buscas. Coma George e Lennie.
Pésimos tempos para a
empatía ou fabulosos para o fatalismo?
6 de dec. de 2012
UN ENCONTRO SINGULAR
Só sei que as
dúas rapazas ían rindo e que a muller avanzaba pola beirarrúa en sentido oposto.
A elas e a nós. Do que sucedeu antes de cruzárense só podo fabular. Na película
que me montei, as mozas eran unhas desagradables que se partían o cu polo
aspecto da señora. A mochila moito non lle pegaba, a verdade, pero polo demais
tampouco se saía do “normal”. Tiña que haber algo máis. Por desgraza, avaliar á
xente non se me dá moi ben. Non vexo eses detalles. Non estudei para iso. Xa mo
dixo ela cando pasou polo noso lado:
- Allí arriba hay un psicólogo que ye muy bueno
4 de dec. de 2012
DESFASE
Para min,
sentar a media tarde cun café con leite morno e un xornal, lendo relaxadamente o
que acontece polo mundo, é un momento sagrado. Gozar absorto entre as páxinas de
deportes e as de opinión, un deleite. Existe tamén a variante matutina, que non
desmerece da anterior pero, claro, póñome a pensar que aínda me queda por facer aquilo que proxectei para o día en curso e non me presta igual. Malia todo,
descubrir que o anterior inquilino do piso no que acabo de entrar de alugueiro
era fiel seguidor/a das revistas do corazón, supuxo unha agradable sorpresa. Xa
me vexo cos crispis e o Hola pola mañá cedo! Unha mágoa que
levase tanto tempo baleiro porque, no salón, Tamara Falcó vístese por primeira
vez de noiva e, no programa de Mariló, medita comprometerse con Deus.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)


