Da Terra Chá
gústanme as cores. Especialmente nos meses do outono e do inverno. Esas
tonalidades marelas, douradas, alternando coas verdes dos prados e das árbores
de folla perenne. A figura das pólas espidas daqueloutras caducas contra o ceo
cando morre a tardiña. E as casas, con paredes lisas de Exin castillos (para que balcóns que rompan a simetría?) E o frío!...
a néboa... Pozas de auga, lagoas que van e veñen. Esa sensación de vivir nunha
paisaxe pasada, entre cuncas de leite quente, contos á lus dun candil (si, digo
ben) e lobos cos que compartir congostras. Lugares que teñen algo. Non sei o
que, pero algo. Lugares desasfaltados.
1 de xan. de 2013
26 de dec. de 2012
QUE VELLO VOU E QUE POUCO ME QUEIXO
Disque coa
idade quedas antes sen alento. Eu xa nacín canso.
Disque coa
idade patina o oído. Eu cada día escoito máis e oio menos.
Disque coa
idade se perde a sensación de sede. Eu noto que debería ser Noiteboa todos os
días para non ter a boca seca.
Disque coa
idade nos volvemos máis conservadores. Ah non. Por aí si que non paso.
15 de dec. de 2012
REWIND E PLAY
Non cómpre ser
máquina para comportarse como un autómata. Ás veces non notas a diferenza entre
que do outro lado do teléfono haxa un reprodutor de voz ou que sexa Jackeline
directamente a que tente venderche unha tarifa de móbil máis económica cá que
tes. O mesmo discurso, co mesmo ton monocorde, ensaiado e repetido até o
infinito. Rewind e play. Vas a un
punto de información turística e a persoa, amablemente, recita de memoria un
texto aprendido como quen chapa a táboa de multiplicar. Rewind e play. De primeiro temos sopa de verduras, fabada e ensalada, de segundo ovos con chourizo e carne guisada. Rewind e play. Por iso se agradece tanto atopar unha persoa que
goce explicándoche as cousas. Á que lle guste aquilo sobre o que está falando. Que
traballe con amor á arte.
13 de dec. de 2012
A PROPÓSITO DE EDUCACIÓN
Leo nun xornal, café con leite grande ao lado, que saíron os
resultados das últimas probas do rendemento dos estudantes españois. Non hai
novidades: igual que mar azul, herba verde e Ferrari vermello, avaliación
negativa constitúe un perfecto exemplo da combinación entre substantivo e
epíteto... cando nos referimos ao nivel de aprendizaxe dos moz@s de hoxe. Ou así o
dan a entender os medios de comunicación cada vez que se coñecen as puntuacións
nestas enquisas. Vale. Pero algúns comentarios sobran. Salienta o diario en
cuestión que, en excelencia matemática, empatamos con Irán e quedamos por
detrás de Arabia Saudita e Qatar. Nada menos! Home, non creo eu que para chamar
a atención do mal que andamos nós haxa que desprezar a outros. Fáltalles dicir
que a nosa posición no ranking non
difire dun deses países cativos. Atrasados. Do Terceiro Mundo. Dos que non
conseguiríamos situar no mapa - por unha cuestión de educación.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)


