
12 de xan. de 2013
10 de xan. de 2013
CO CHI NINH
Hoxe mamá vai probar coa pistola. Cando enviuvou por segunda vez, as cousas complicáronse. Unha denuncia. Unha investigación. Moito ruído ao redor da casa... Chamaba demasiado a atención. Mellor probar cun novo método. Menos sanguento. Máis limpo. Mesmo para a súa conciencia. Non, non debe resultar sinxelo acabar cunha vida. E mamá non é ningunha asasina. Sei que lle suaron as mans cando tivo a Martiño fronte a ela. Que o seu corazón latexaba a ritmo de Rock and Roll. Pero non fallou. Martiño faleceu no acto. Ninguén escoitou nada. Nin un grito, nin un berro cargado de dor. Nada. Os porcos morren agora no anonimato.
DISE DO NADAL
Época do ano
propicia para aventurarse con libros de excelente relación número de
palabras/prezo. Grandes tochos teñen caído nesas datas: Ao leste do Edén, O nome da
rosa, O mestre e Margarita... Porén,
non cadrou así desta. Cousas dun lector a refachos que, durante un tempo le
canto cae nas súas mans e pasado o mesmo, non soporta nin as páxinas de
deportes dos xornais. Quizais, coma no Nadal, o importante é a moderación. Sen
cometer excesos.
1 de xan. de 2013
AMOR PLATÓNICO
Da Terra Chá
gústanme as cores. Especialmente nos meses do outono e do inverno. Esas
tonalidades marelas, douradas, alternando coas verdes dos prados e das árbores
de folla perenne. A figura das pólas espidas daqueloutras caducas contra o ceo
cando morre a tardiña. E as casas, con paredes lisas de Exin castillos (para que balcóns que rompan a simetría?) E o frío!...
a néboa... Pozas de auga, lagoas que van e veñen. Esa sensación de vivir nunha
paisaxe pasada, entre cuncas de leite quente, contos á lus dun candil (si, digo
ben) e lobos cos que compartir congostras. Lugares que teñen algo. Non sei o
que, pero algo. Lugares desasfaltados.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)

