7 de ago. de 2011

DO TURISTA CASUAL, DO QUE SOÑABA CUN COMPÁS E DO QUE MIRABA CON ABRAIO PARA ELES



     Razoaba o paisano diante dunha cunca de viño nunha vella viñeta de Manuel Torres que o problema da bebida resulta malo de gobernar porque, se un bebe emborráchase e, se non o fai, morre coa sede. Na vida, atopámonos a miúdo con disxuntivas coma esta, extremadamente dramáticas e sen un punto medio de virtude socrática ao que agarrarse. Como decidir que roupa levas na maleta cando marchas de viaxe. Se metes a que che apetece seguro que te recoñecen como turista e, se elixes afrontar os teus días de asueto cun pouco máis de discreción, ao mellor acabas por sentirte incómodo. Comprimido. Cohibido. En calquera caso, xa pode ser o peor dos Barrantes, que entre sufrir coa gana del ou baixalo dun chopo, normalmente escolles o segundo. Aínda que despois o vaias deitando para fóra polas esquinas. Pois coa indumentaria sucede algo semellante. Entre pasar desapercibido e dar o cante, que carallo, estamos de vacacións, como se nos peta andar de Entroido!

     Na Lisboa á que lle debía unha visita [1] cruceime cun exemplo clásico desta desinhibición, diana fácil nunha columna de Arturo Pérez-Reverte. Un fulano do que agocharemos a súa identidade chamándolle X, por non aplicar unha nomenclatura de corte máis explícito, tipo “HORTERA con maiúsculas”. Total, ao noso amigo X a hora de buscar un subidón de adrenalina practicando balconing escapóuselle pero, non por iso renuncia a probar experiencias que, en fin, nunca ousaría tentar alí onde vive... Como vestirse en público o máis casual posible. Ocorre entón que as opinións se dividen coma se avaliásemos o talento musical de Asuranceturix, o bardo das aventuras de Asterix: el pensa que loce guapo e marcando estilo mentres os demais descubrimos nel un auténtico friki. Contemplemos pois a noutrora fina estampa de X, ás 10:00 da mañá, agardando pola apertura do Mosteiro dos Xerónimos en Belém, coa súa sobria camiseta sen mangas de camuflaxe selvática, con toda esa espesa e viril pelame negra desde o ombreiro até o pulso á intemperie, en hábil combinación cuns provocativos pantalóns curtos de cor café con leite. Parafraseando á revista cultural de maior tirada en España, aaargh!



     Porén, polo menos en aparencia, semella que ve cousas doutro país. Un pouco máis escuras do habitual, iso si, que moito mal fixo Brad Pitt ao impor a moda de entrar nos museos sen quitar as gafas de sol, pero con algo quédase. Aínda que, como naqueloutro debuxo de Carlos Maside, probablemente cando llo pregunten non saiba responder se Portugal é colorado coma nos mapas. Ou, se en lugar de Lisboa se tratase de Compostela, igual contestaría que o cabalo branco de Santiago tornou moreno... Pero, repito, o desprazamento préstalle. Con outros xa non teño tan claro o asunto.

     O elevador de Santa Xusta. Unha obra de enxeñaría extraordinaria concibida polo maxín dun discípulo de Gustave Eiffel. Pero estoutro mozo, ao que bautizaremos como Pi non levanta os ollos do seu libro. A elección deste termo, no canto de continuar a nomenclatura anterior poñéndolle Y, radica naquilo que tanto concentra a súa atención. Insisto, este individuo existe, non o inventou Juan Carlos Ortega para os seus espazos absurdos de radio: un adolescente que devora páxinas que tratan precisamente diso, das propiedades case máxicas do 3,1416. E digo eu: iso, non o podías facer na casa? Por favor! Non, se ademais, seguro que andas amolado porque os teus pais te obrigaron a viaxar con eles. Calquera que te ve sabe que che molesta a mochila para agarrar as follas, e falo así, coma quen suxeita o volante do coche para botar unha soneca sobre el, ou como se ergueses un prato fondo para, coa outra man, aproveitar as últimas culleradas da sopa. Certo que, habéndoa para xantar, non se bebe viño. Mira ti: se cadra aínda quedan turistas que renegan do Barrantes...





1 de ago. de 2011

DAQUELOUTRA TARDE LÚGUBRE NAS RÚAS DE OSLO



 




(Detalle do cadro “Tarde na avenida Karl Johan” de
Edvard Munch en versión libre.
A mesma angustia anticipándose un século)


Para ver o orixinal, preme na seguinte ligazón:


8 de xul. de 2011

DESE HONRADO CIDADÁN QUE APARCA A GOLPES, COMO EXEMPLO DE SOCIEDADE QUE ESTÁ A MONTE




     Que pasa? Non colles? Non tes espazo abondo? Mira que hoxe, aínda chovendo, atoparías sitios a esgalla onde deixalo. Gratis, ademais. Pois non. Por fin á forza elixes o máis raquítico. Xusto detrás miña. Vale. Suporei inxenuamente que o teu destino non cae moi lonxe e que non che apetece mollarte. Nin a ti nin aos teus acompañantes, eses que non mandas baixar para que te axuden. OK, pero a min sucédeme o mesmo. E véxote. E ti vesme tamén. Entón, por que non sentes un pouco de pudor? Que irreprimible impulso che obriga a aparcar de oído? Cóntame: que necesidade hai de andar fozando no meu parachoques, coma un porco ás landras? Para a miña idea, que gozas do momento coma un burro nun patacal. Con esa sensación de impunidade que achega o saber que non me vou queixar, porque o toque non deixará pegada; porque, se non escampa, non perderei o tempo pedíndoche explicacións; porque, non acontecendo máis, para que cabrearme? Para que se me inche a vea do pescozo?

     Pero irrítame. Ao mellor por iso, co coche perfectamente estacionado, gastas batería mantendo acendido o limpaparabrisas. Recreándote coa cara que poño pola manobra que acabas de perpetrar no meu traseiro. E non te desculpes, eh! Se é que, a xente está a bravo, machiño. A bravo.



25 de xuño de 2011

EPÍLOGO




25 de xuño de 2011
Asunto: Resistencia á posición vertical das súas tapas




F. A. Gomes
Presidente da Asociación de Fabricantes de WC


Como usuario da súa liña de produtos, desexo facerlle chegar unha queixa respecto dos últimos modelos de retrete que están lanzando ao mercado. Sucedeume xa en tres lugares: na casa, no traballo e, hoxe, no piso dunhas amizades. Probablemente se deba á miña condición masculina pero, malia posuír unha man en cada brazo, e un par de brazos pegados ao corpo, síntome incapaz de realizar dúas cousas a un tempo: ou aguanto da tapa, ou aguanto de... 


Unha aperta


Nuno C.