8 de xul. de 2011

DESE HONRADO CIDADÁN QUE APARCA A GOLPES, COMO EXEMPLO DE SOCIEDADE QUE ESTÁ A MONTE




     Que pasa? Non colles? Non tes espazo abondo? Mira que hoxe, aínda chovendo, atoparías sitios a esgalla onde deixalo. Gratis, ademais. Pois non. Por fin á forza elixes o máis raquítico. Xusto detrás miña. Vale. Suporei inxenuamente que o teu destino non cae moi lonxe e que non che apetece mollarte. Nin a ti nin aos teus acompañantes, eses que non mandas baixar para que te axuden. OK, pero a min sucédeme o mesmo. E véxote. E ti vesme tamén. Entón, por que non sentes un pouco de pudor? Que irreprimible impulso che obriga a aparcar de oído? Cóntame: que necesidade hai de andar fozando no meu parachoques, coma un porco ás landras? Para a miña idea, que gozas do momento coma un burro nun patacal. Con esa sensación de impunidade que achega o saber que non me vou queixar, porque o toque non deixará pegada; porque, se non escampa, non perderei o tempo pedíndoche explicacións; porque, non acontecendo máis, para que cabrearme? Para que se me inche a vea do pescozo?

     Pero irrítame. Ao mellor por iso, co coche perfectamente estacionado, gastas batería mantendo acendido o limpaparabrisas. Recreándote coa cara que poño pola manobra que acabas de perpetrar no meu traseiro. E non te desculpes, eh! Se é que, a xente está a bravo, machiño. A bravo.