26 de dec. de 2012

QUE VELLO VOU E QUE POUCO ME QUEIXO



Disque coa idade quedas antes sen alento. Eu xa nacín canso.

Disque coa idade patina o oído. Eu cada día escoito máis e oio menos.

Disque coa idade se perde a sensación de sede. Eu noto que debería ser Noiteboa todos os días para non ter a boca seca.

Disque coa idade nos volvemos máis conservadores. Ah non. Por aí si que non paso.



15 de dec. de 2012

REWIND E PLAY



     Non cómpre ser máquina para comportarse como un autómata. Ás veces non notas a diferenza entre que do outro lado do teléfono haxa un reprodutor de voz ou que sexa Jackeline directamente a que tente venderche unha tarifa de móbil máis económica cá que tes. O mesmo discurso, co mesmo ton monocorde, ensaiado e repetido até o infinito. Rewind e play. Vas a un punto de información turística e a persoa, amablemente, recita de memoria un texto aprendido como quen chapa a táboa de multiplicar. Rewind e play. De primeiro temos sopa de verduras, fabada e ensalada, de segundo ovos con chourizo e carne guisada. Rewind e play. Por iso se agradece tanto atopar unha persoa que goce explicándoche as cousas. Á que lle guste aquilo sobre o que está falando. Que traballe con amor á arte.

Magnetófono



13 de dec. de 2012

A PROPÓSITO DE EDUCACIÓN



     Leo nun xornal, café con leite grande ao lado, que saíron os resultados das últimas probas do rendemento dos estudantes españois. Non hai novidades: igual que mar azul, herba verde e Ferrari vermello, avaliación negativa constitúe un perfecto exemplo da combinación entre substantivo e epíteto... cando nos referimos ao nivel de aprendizaxe dos moz@s de hoxe. Ou así o dan a entender os medios de comunicación cada vez que se coñecen as puntuacións nestas enquisas. Vale. Pero algúns comentarios sobran. Salienta o diario en cuestión que, en excelencia matemática, empatamos con Irán e quedamos por detrás de Arabia Saudita e Qatar. Nada menos! Home, non creo eu que para chamar a atención do mal que andamos nós haxa que desprezar a outros. Fáltalles dicir que a nosa posición no ranking non difire dun deses países cativos. Atrasados. Do Terceiro Mundo. Dos que non conseguiríamos situar no mapa - por unha cuestión de educación.





12 de dec. de 2012

DE RATOS E HOMES



     Foi o primeiro libro que lin de John Steinbeck. Veume á cabeza estes días pensando na Sorte e na Desgraza. Pódese dicir que, ultimamente, teño boas relacións coa primeira. Sei que merecida. Porque a busquei. Pero por moito que cachees ás veces non atopas nada. Un currículo que asoma entre a vaixela dunha cafetaría, unha nai que tenta poñer en orde a desorde do seu fillo, xente acampada reclamando o que lles pertence... Aínda peor: encontrar o oposto ao que buscas. Coma George e Lennie.

Pésimos tempos para a empatía ou fabulosos para o fatalismo?



6 de dec. de 2012

UN ENCONTRO SINGULAR



     Só sei que as dúas rapazas ían rindo e que a muller avanzaba pola beirarrúa en sentido oposto. A elas e a nós. Do que sucedeu antes de cruzárense só podo fabular. Na película que me montei, as mozas eran unhas desagradables que se partían o cu polo aspecto da señora. A mochila moito non lle pegaba, a verdade, pero polo demais tampouco se saía do “normal”. Tiña que haber algo máis. Por desgraza, avaliar á xente non se me dá moi ben. Non vexo eses detalles. Non estudei para iso. Xa mo dixo ela cando pasou polo noso lado:

- Allí arriba hay un psicólogo que ye muy bueno




4 de dec. de 2012

DESFASE



     Para min, sentar a media tarde cun café con leite morno e un xornal, lendo relaxadamente o que acontece polo mundo, é un momento sagrado. Gozar absorto entre as páxinas de deportes e as de opinión, un deleite. Existe tamén a variante matutina, que non desmerece da anterior pero, claro, póñome a pensar que aínda me queda por facer aquilo que proxectei para o día en curso e non me presta igual. Malia todo, descubrir que o anterior inquilino do piso no que acabo de entrar de alugueiro era fiel seguidor/a das revistas do corazón, supuxo unha agradable sorpresa. Xa me vexo cos crispis e o Hola pola mañá cedo! Unha mágoa que levase tanto tempo baleiro porque, no salón, Tamara Falcó vístese por primeira vez de noiva e, no programa de Mariló, medita comprometerse con Deus.


29 de nov. de 2012

RECOCHURA


     Sirva esta entrada como sentida homenaxe a todos eses centros de traballo sen os cales este país non sería o que é. A eses modelos de produción baseados na procura da máxima calidade (vale ben), na toma de decisións a partires do consenso, por riba da xerarquía na cadea de mando (ten que ser) e no triunfo da valía profesional fronte aos prexuízos persoais e o enchufismo (pa’ caaasa!). A todos eles só lles podo dicir...




27 de nov. de 2012

DEFINICIÓN DE INSALUBRE



     O piso que vin hoxe. Último inquilino: Gregorio Samsa. Un quinto ao que se sobe sen ascensor. Nin bombonas de osíxeno. Dous sherpas locais abriron o camiño. A duras penas contiñan a hilaridade. O mal de altura, supuxen. Que tamén se manifestaba ao entrar na vivenda. Por riba do metro e oitenta centímetros da porta. A realidade supera a ficción: fotografouno para a web o autor da serie de instantáneas sobre a Cheeseburger. Se tan sequera cheirara a hamburguesa! Vantaxe: imposible que as bacterias se reproduzan nun medio tan hostil. Abandoneino con profundo pesar: fóra viña frío.






26 de nov. de 2012

INERCIA



     Oposición ao cambio. Sobes de último ao autobús na túa parada, este arrinca antes de que sentes e a túa verticalidade abanea. A física nunca me aproveitou así que igual o exemplo non se corresponde coa definición. Pensei na inercia esta fin de semana ao comprobar como o mundo reduciu a súa velocidade estes días mentres eu sigo coma a mesma sensación de stress que levo arrastrando anos. Como se non houbese un mañá. Como se non puidese parar. Corre, corre. Corre!

     Creo que teño falta dun rozamento que me free.






22 de nov. de 2012

ARQUIVOS



     Que duro resulta baixar aos sotos da memoria! Falo de cando non levas compás. Se o fas porque unha lembranza feliz te orienta, fantástico; se se trata dun este que che recorda a un aquel, aínda pode ter un pase. Pero cando é por obriga... comezas notando unha pequena incomodidade, despois o efecto dun émbolo que descende lentamente pola testa até que por fin te das conta de que, se botas moito tempo alí, acabarás enfermando. Lava as mans ao saír: eses papeis deben de estar cargados de bacterias.




21 de nov. de 2012

TELÉFONO!



     Será porque en termos xeolóxicos entrou na casa a noite pasada ou será porque só desde esta mañá podemos coñecer con antelación quen se dirixe a nós pero... creo que aínda non me afixen a descolgar o auricular e falar con alguén sen velo. E véndoo, moitas veces tampouco. Agora debo superar as miñas fobias atendendo chamadas. Que o consiga cando me toque a min iniciar a conversa está por chegar. Valor!



20 de nov. de 2012

DÍAS DE VIÑO E ROSAS (CON ESPIÑAS)



     Un novo traballo. Unha nova cidade. Compañeiros que che reciben como a unha persoa. Que che recordan que non che tocou a lotaría porque si, senón pola cantidade de boletos que fuches mercando durante varios anos. En múltiples administracións. Claro que, tamén hai quen os compra xa premiados e despois di que xoga moito. E son sempre os mesmos.



16 de xan. de 2012

DISLEXIA



Subín ao autobús e pulsei o botón do quinto




O incrédulo:
     -Carallo, ho! E non serán moitos?

O enxeñeiro aeronáutico:
     -Pois, cando circule por autoestrada, iso debe de provocar un efecto “vela de barco” perigosísimo.

O pragmático:
     -Aínda grazas, que o autobús ten ascensor. Porque se hai que subir os cinco pisos a pé...




É que non che perdoan ningunha, eh! Ningunha!