26 de dec. de 2012

QUE VELLO VOU E QUE POUCO ME QUEIXO



Disque coa idade quedas antes sen alento. Eu xa nacín canso.

Disque coa idade patina o oído. Eu cada día escoito máis e oio menos.

Disque coa idade se perde a sensación de sede. Eu noto que debería ser Noiteboa todos os días para non ter a boca seca.

Disque coa idade nos volvemos máis conservadores. Ah non. Por aí si que non paso.



15 de dec. de 2012

REWIND E PLAY



     Non cómpre ser máquina para comportarse como un autómata. Ás veces non notas a diferenza entre que do outro lado do teléfono haxa un reprodutor de voz ou que sexa Jackeline directamente a que tente venderche unha tarifa de móbil máis económica cá que tes. O mesmo discurso, co mesmo ton monocorde, ensaiado e repetido até o infinito. Rewind e play. Vas a un punto de información turística e a persoa, amablemente, recita de memoria un texto aprendido como quen chapa a táboa de multiplicar. Rewind e play. De primeiro temos sopa de verduras, fabada e ensalada, de segundo ovos con chourizo e carne guisada. Rewind e play. Por iso se agradece tanto atopar unha persoa que goce explicándoche as cousas. Á que lle guste aquilo sobre o que está falando. Que traballe con amor á arte.

Magnetófono



13 de dec. de 2012

A PROPÓSITO DE EDUCACIÓN



     Leo nun xornal, café con leite grande ao lado, que saíron os resultados das últimas probas do rendemento dos estudantes españois. Non hai novidades: igual que mar azul, herba verde e Ferrari vermello, avaliación negativa constitúe un perfecto exemplo da combinación entre substantivo e epíteto... cando nos referimos ao nivel de aprendizaxe dos moz@s de hoxe. Ou así o dan a entender os medios de comunicación cada vez que se coñecen as puntuacións nestas enquisas. Vale. Pero algúns comentarios sobran. Salienta o diario en cuestión que, en excelencia matemática, empatamos con Irán e quedamos por detrás de Arabia Saudita e Qatar. Nada menos! Home, non creo eu que para chamar a atención do mal que andamos nós haxa que desprezar a outros. Fáltalles dicir que a nosa posición no ranking non difire dun deses países cativos. Atrasados. Do Terceiro Mundo. Dos que non conseguiríamos situar no mapa - por unha cuestión de educación.





12 de dec. de 2012

DE RATOS E HOMES



     Foi o primeiro libro que lin de John Steinbeck. Veume á cabeza estes días pensando na Sorte e na Desgraza. Pódese dicir que, ultimamente, teño boas relacións coa primeira. Sei que merecida. Porque a busquei. Pero por moito que cachees ás veces non atopas nada. Un currículo que asoma entre a vaixela dunha cafetaría, unha nai que tenta poñer en orde a desorde do seu fillo, xente acampada reclamando o que lles pertence... Aínda peor: encontrar o oposto ao que buscas. Coma George e Lennie.

Pésimos tempos para a empatía ou fabulosos para o fatalismo?



6 de dec. de 2012

UN ENCONTRO SINGULAR



     Só sei que as dúas rapazas ían rindo e que a muller avanzaba pola beirarrúa en sentido oposto. A elas e a nós. Do que sucedeu antes de cruzárense só podo fabular. Na película que me montei, as mozas eran unhas desagradables que se partían o cu polo aspecto da señora. A mochila moito non lle pegaba, a verdade, pero polo demais tampouco se saía do “normal”. Tiña que haber algo máis. Por desgraza, avaliar á xente non se me dá moi ben. Non vexo eses detalles. Non estudei para iso. Xa mo dixo ela cando pasou polo noso lado:

- Allí arriba hay un psicólogo que ye muy bueno




4 de dec. de 2012

DESFASE



     Para min, sentar a media tarde cun café con leite morno e un xornal, lendo relaxadamente o que acontece polo mundo, é un momento sagrado. Gozar absorto entre as páxinas de deportes e as de opinión, un deleite. Existe tamén a variante matutina, que non desmerece da anterior pero, claro, póñome a pensar que aínda me queda por facer aquilo que proxectei para o día en curso e non me presta igual. Malia todo, descubrir que o anterior inquilino do piso no que acabo de entrar de alugueiro era fiel seguidor/a das revistas do corazón, supuxo unha agradable sorpresa. Xa me vexo cos crispis e o Hola pola mañá cedo! Unha mágoa que levase tanto tempo baleiro porque, no salón, Tamara Falcó vístese por primeira vez de noiva e, no programa de Mariló, medita comprometerse con Deus.