20 de xuño de 2011

DO MONÓLOGO SOBRE O INSOPORTABLE PASO DO TEMPO E DA CAPACIDADE DIURÉTICA DAS ESTRADAS (Parte I)



     Rabos de pasa. Memoria de peixe. Un esconxuro. A idade cóbrache unha alta peaxe para que accedas ás vantaxes da experiencia. Claro que, se non te acordas do que fas, dificilmente vas poder aplicar o que aprendes. Así é que, levo unha semana cacheando polo borrador dunha entrada para o blogue, pero non o dou atopado...

De aí que me sinta tan vello
Tan canso
Tan derrotado

     Como cando me decatei de que me gustaban as tonalidades amarelas, ocres e castañas das follas das árbores no chan nos meses de outono e, inutilmente, tentei pegalas de novo aos estremos das pólas con cinta de embalar. De cor marrón, por suposto.



     Ou como aquel día de infausta lembranza, no que por vez primeira encontrei un solitario (e esaxeradamente longo) pelo branco no medio e medio do peito. Xa tiña o fío, co esterno a cana, só necesitaba un anzol para enganchar a miñoca. Home, despois, como con todas as cousas, un acaba por afacerse, pero botei unha boa tempada valorando a posibilidade de depilarme de corpo enteiro, con tal de non seguir imaxinándome transmutado no xemelgo de Copito de Nieve (q.e.p.d.).

     Por non falar da ocasión na que, farto de cargar coa mochila ao lombo nunha viaxe de interrail, desexei desde o máis profundo da miña ialma unha maleta con rodas; eu, que sempre critiquei o pouco aguante da xuventude actual (oh!, nin que nós non carrexáramos libros), como se as desviacións nas costas supuxeran un patrimonio exclusivo desta xeración; eu, que en tantas oportunidades me reprimín para non soltar un couce aos cestos móbiles das vellas na praza (esas que non poden co peso dunha cabeza de repolo pero gozan meténdoseche diante á hora de pagala, esas!, finas do grelo!), pequenos carros de combate para os que os teus pés nunca constitúen un obstáculo infranqueable. Demasiada flor de pitiminí.



Os anos,
esa arma coa que se traizoan os principios.

A idade,
ese virus que desprende retinas e linguas.

     Que me falta? A próstata? Problemas de incontinencia non exclusivamente verbal? De momento, áchome na fase anterior. Esa na que, pola contra, non mexas. Esa na que, ti dis que retés líquidos cando, en realidade, acumulas sólidos. Ademais, casualmente nun único sitio. Míraste no espello e, que ves? A cachola e o barrigón. De fronte, un 8 perfecto. De perfil, un B maiúÚúsculo.



- É que son de óso gordo - escúsome.

-o-