1 de abr. de 2011

DA VACA DE PANTOMIMA COMO ENTREMÉS NO QUE SE DISTINGUE UNHA HIPÓTESE DUNHA TEORÍA E DA IRREFUTABILIDADE DAS LEIS DA NATUREZA



PERSONAXES:

          FLÔRIÁN, sobriño de Valeria.

          NUNO CAPUCHO, amigo da súa tía.

          A VACA, animal metafórico.

     A acción transcorre en Galicia, na casa de Valeria. Nuno axuda a Florián cos seus deberes de física e química.

-o-

ACTO PRIMEIRO (E DERRADEIRO)

ESCENA I (E ÚNICA)

     Flôrián.- Que é unha hipótese?

     Nuno Capucho.- ...

     Flôrián.- En que se diferenza dunha teoría?

     Nuno.- ...

     Flôrián.- E dunha lei?

     Nuno.- (cos dedos furabolos e matapiollos da súa zurda frega por debaixo da ponte das gafas en clara actitude de pensamento profundo até que, por fin, se lle acende unha lámpada) Conteiche algunha vez a historia da casa da vaca?

     Flôrián.- (nega coa cabeza) Non.

     Nuno.- Hai anos, por motivos estritamente profesionais (chíscalle un ollo a Flôrián), víame na obriga de realizar certo traxecto por estrada a Santiago. Unha mañá, quedei atrapado nun xigantesco atasco. Colidiran dous quilómetros máis adiante unha furgoneta de reparto de pipas de xirasol a granel cun camión de galiñas que non respectara un stop. Como te podes imaxinar, as pitas puxéronse coma o quico

(N. do A.: neste intre, dado que o auditorio carece da sagacidade suficiente para comprender o hábil xogo de palabras, os infiltrados da compañía nas filas 3, 5 e 6 disimulan con risas contaxiosas).

     Nuno.- (prosegue) Total, que carrexaron nelas, de volta ás gaiolas, durante un par de horas. Daquela, durante a agarda, fixeime nela.

     Flôrián.- No que?

     Nuno.- Na vaca. (escóitase un “TACHÁN” de suspense). Unha suíza. Pinta, por suposto. Desas que, co Photoshop e o bote de pintura violeta, venden chocolate a esgalla. Fermosa. Leiteira, de seguro, a xulgar polo tamaño do ubre. Dispuña dunha ampla zona na que pacer diante da casa, un chalé de recente construción, cousa que certamente me sorprendeu. Pero algo máis raro aínda chamou a miña atención: permanecía absolutamente perena, sen mover nin o rabo para espantar as moscas. Coa cabeza ergueita, semellaba pasmada nun punto perdido no infinito. Xesús, (sobreactuando), era unha vaca de pantomima! Que magnífica reprodución dun bóvido ruminante! Mais, que facía alí?



     Flôrián.- Nuno...

     Nuno.- (orgulloso dos súa sabedoría xeográfica) Se o parque do Pasatempo de Betanzos o preside un león de pedra, por que á entrada de Compostela non pode haber un chalé cunha vaca falsa?

     Flôrián.- (lacónico) O que ti digas...

     Nuno.- Ben, obviamente desde aquela sempre desviaba a vista cara a aquel lugar e, curiosamente, achábaa cada mañá nunha esquina diferente da finca e coa herba segada coma polo mellor dos xardineiros dun estadio de fútbol. Pero como? (excedéndose de novo na súa actuación) Se era de mentira! De aí que elaborase unha hipótese: o animal cobraba vida e alimentábase pola noite e, coa chegada da alborada simplemente se detiña para que o admirasen. Non importa que che pareza que carece de sentido. O fundamental dunha hipótese é que funcione e que achegue unha explicación para unha realidade até ese intre indescifrable.

     Flôrián.- (irónico) Por que non cabe a posibilidade de que os propietarios se preocupasen de movela, claro...

     Nuno.- Boa observación! Tamén o pensei, pero o tempo pasaba e nunca conseguín albiscar os donos, como tampouco logrei que alguén me dese outro razoamento que cadrase mellor có meu con aquela situación. Así, (vitorioso) o calendario e a ausencia de contradicións transforman unha hipótese coma a miña nunha teoría.

     Flôrián.- (resignado) Ti gañas. Réndome. Pero onde deixaches a lei no teu conto?

     Nuno.- Aí quería chegar! Unha mañá boteina en falta. Desaparecera. Sen deixar rastro. E, sen ela, a herba medraba agora vizosa coma nun extenso prado de Nebraska.

     Flôrián.- Non contestaches á miña pregunta.

     Nuno.- Está claro! A vaca morrera. É lei de vida.


FIN



     Infiltrados das filas 3, 5 e 6.- (aplaudindo) Bravo! Bravíííííísimo! Outra, outra!