22 de mar. de 2011

DE COMO NON HAI QUE TOMARSE EN SERIO O NOME DOS BLOGUES ESPECIALMENTE SE FALAMOS DE “DESASFALTANDO CORREDOIRAS”


     Prezado amigo,

     Compañeiro. Colega. Irmán. Crack. Grazas de todo corazón polo teu apoio. De seguro, comprendes a fonda satisfacción que se apoderou de min ao saber, por fin, que non son o único que está farto de tanto piche e de tanta estrada inútil. A túa actitude demostra que os meus laios expresados a través do teclado do ordenador non navegan nos mares da soidade, senón que constitúen a manifestación dun sentimento que medra alén das catro esquinas da pantalla e o scroll do blogue.

     De tódolos xeitos, agardo que non me vexas coma o teu faro, coma o teu norte, coma o teu guía. Coma un pioneiro, vale. Pero, por favor, non tomes ao pé da letra o que escribo dada a miña tendencia a empregar con asiduidade as comparacións e as hipérboles. O propio nome deste humilde recuncho da internet, como sutil metáfora dun desexo, exemplifica tal costume. Debes ir máis aló das palabras e tentar dar co significado que detrás delas se agocha, sen deterte nas formas. Desenvolve o teu pensamento abstracto con tanta procacidade como lle imprimes ás túas accións!

     Dito doutra maneira, e para entendérmonos: non cres que te excediches? Non se che iría un pouco a man, machiño?

     Atentamente,


Nuno Capucho



P.D.: Por certo, que fixeches co asfalto?