23 de dec. de 2011

DA NOIVA CADÁVER E DO TEMPO QUE NOS SEPARA



     Ten publicado a editorial Rinoceronte unha compilación de relatos curtos do escritor húngaro Dezso Kostolányi agrupados co título do primeiro deles, O tradutor cleptómano. Centrareime noutro, A prodixiosa visita de Krisztina Hrussz, onde o autor xoga co sentimento de ausencia do ser amado que desaparece e a desesperación por recuperar un chisco da felicidade perdida coa que amainar a coita. A triloxía de protagonistas confórmana a propia Krisztina, cantante morta que resucita para satisfacer o desexo de Vidor, estudante de medicina, de gozar nunha derradeira ocasión da súa compaña

...e o tempo...

     A historia esaxera unha realidade coa que de cando en cando batemos e que pon nun apuro a nosa capacidade de reacción. Un arrecendo, un aceno ou unha frase tráenos á memoria a lembranza dunha persoa que significou moito nun momento das nosas vidas. De aí, de cavilar a xeito de programa de vellas glorias que foi de, a concibir o anhelo de volver vela algunha vez, apenas un paso. Do ancho da cabeza dunha agulla. Porén, un día ocorre. Ben, que lle dis agora cando CHAS!, se cruza de novo no teu camiño? Puido significar moito para ti, de acordo, pero non mantedes ningún tipo de relación. Perdiches o seu número de móbil. Nin sequera figurades como amigos no Facebook. Niente. De que conversas cun descoñecido co que te sentes no deber de facelo? Do tempo, talvez? Quizais da saúde ou da familia. Ao mellor, cun pouco de sorte, a porta do ascensor non tarda en abrir. Se cadra até che toca o gordo e a túa praza de garaxe non cae moi lonxe. Ou a súa.

     Por moi brusca que pareza, a cotío as circunstancias achegan sensacións peores. Poñámonos no caso de que, ou ben Krisztina ou ben Vidor (co tempo non existe esta posibilidade) permanecese inalterable coma un busto de bronce. Que non mudase en absoluto. Nada de nada. Como acender unha mañá o televisor e almorzar cun capítulo do Coche Fantástico e os vaqueiros fardapichas de Michael Knight. Meu Deus, pero como che gustaba iso? Imposible! Tomando o café coa persoa en cuestión (non puideches evitalo) dáslle a razón a quen razoou que, mellor parecer imbécil ca separar os beizos e confirmalo. Porque así como a escoitas a ela, así te comportabas ti. Menos mal que, afortunadamente, evolucionaches.

     Algo semellante pasa cos Aniversarios. Ou co Nadal. Coa primavera e as gramíneas pregúntaste cando chegará. Co verán e as calores, falta moito? Co outono e a gripe, que vén, que ben! De súpeto, o inverno. A lotaría. As festas.

E agora, que?

Cando remata este incómodo reencontro?