25 de feb. de 2011

AUTOBUSES, ESA RAZA CATIVA


     Declárome fanático absoluto dos servizos dos autobuses de liña regular. Incondicional a máis non poder. Dá gusto comprobar como esta pequena innovación das estradas fronte ás corredoiras funciona de xeito óptimo. Excelente, diría. Preciso e discreto coma un reloxo suízo.

     Tódalas mañás despois dun curto e agradable paseo agardo nunha das múltiples paradas entre as que podo elixir e séntome nun banco, pulcro, sen mácula, tanto que me dan gañas de levalo para o comedor da miña casa. Na marquesiña, pois sempre atopo unha, gozo coa deliciosa lectura do programa da festa do cocido de Lalín do ano 2003 (coa actuación estelar a cargo da París de Noia) e reflexiono, considerando o cartel do lado, sobre a conveniencia de apoiar co meu voto o candidato á alcaldía de Silleda pola UCD. Como fiel seguidor da arquitectura moderna no mobiliario urbano, admírame a íntegra presenza dos cristais, a carencia de buracos na estrutura polas que se coarían as pingas de chuvia no inverno e a total ausencia de pintadas reivindicativas do amor que se profesan P. e A., salvaxismo endémico doutras sociedades.

     A continuación, os meus pensamentos flúen cara á asombrosa coincidencia no seu patrocinio (impensable atopar en Galicia unha da deputación tal aquí, unha do concello cal alí, unha orfa de publicidade institucional acolá...) e no deseño estilístico coa inmediatamente seguinte, e coa que virá despois. Enfrascado en tales disertacións, non podo evitar deter un segundo a miña atención no letreiro dixital, marca ACME, que me avisa con exquisita exactitude do tempo que resta de agarda, compatible, faltaría máis, coa presenza dun horario claramente interpretable que explica con total sinxeleza as horas e os días de servizo incluso nun escenario tan irreal coma o do corte dunha rúa por obras. Atrás, perdidas na memoria, quedaron as preguntas aos compañeiros de espera ou ao propietario do bar do lado, estilo, oes, sabes se pasou xa o das tres e media?

     Espértame destas satisfaccións matutinas miñas o intermitente do autobús que acaba de parar no amplo e acolledor espazo habilmente concibido para o transbordo de viaxeiros ao lado da estrada, sen que en ningún caso aproveiten os vehículos para estacionar alí mentres os seus condutores mercan tabaco no estanco da esquina. Outrora, veríase na obriga de ocupar parte da calzada co conseguinte perigo para o pasaxeiro que remata o seu periplo ante a hipotética aparición dun coche vermello con aros olímpicos na parte frontal e dous tubos de escape na traseira, incapaz de agardar a que o noso amigo, mochila ao lombo, cruce polo paso de peóns casualmente situado diante do lugar no que se detivo o autobús.

     Uns que baixan e outros que soben. Chega o momento clave: pagar. E falo con gusto. Porque sabes que con esta pequena acción contribúes á boa saúde do medio ambiente. Porque o billete está plenamente subvencionado. Porque as empresas ofrecen descontos se o mercas de ida e volta. Porque, afortunadamente, nunca existiu discriminación entre unha persoa maior que teña que pasar revista no hospital co urólogo e un rapaz que volve de agarrar un cagallón nunha noite de troula en Santa Comba montado no noitebús. Porque, en fin, cos autobuses todo son vantaxes.