2 de mar. de 2011

DAS SENSACIÓNS DA CAPRA PYRENAICA LUSITANICA EN PLENA ERA DAS ESTRADAS


Galicia, ou será neofalante ou non será galegofalante
Belén Regueira. Xornalista.



     - E eu? Que vai ser de min?



     DIARIO DA BAIXA LIMIA. REDACCIÓN: A cabra montés galaico-portuguesa subsiste en Galicia. O anuncio produciuse onte 29 de febreiro nunha rolda de prensa convocada na sé do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés en Lobios, onde expertos das tres Universidades galegas e do propio Parque, encabezados polo catedrático en bioloxía da Universidade de Vigo D. Arximiro Manuel Arteaga Vilariño, confirmaron oficialmente, diante dunha multitude de xornalistas e reporteiros gráficos, un rumor co que se viña especulando desde había meses despois de que varios excursionistas e aldeáns afirmaran ter avistado exemplares en puntos do abrupto sueste desta área protexida, próximos ao núcleo de Alvite. Como consecuencia deste descubrimento, unha zona duns 300.000 m2 incorporarase á reserva integral, creándose a figura do “espazo de interese prioritario ” para preservar a poboación agora descuberta tanto do turismo como do contacto coa cabra común, que poderían alterar o seu hábitat natural. Estúdanse xa plans de cooperación e colaboración interterritorial co veciño Parque Nacional Peneda-Gerês luso.

     A capra pyrenaica lusitanica, que se supoñía extinguida desde finais do século XIX, endémica do norte de Portugal e Galicia, constitúe unha das catro subespecies de capra pyrenaica que ao longo da historia habitaron a Península Ibérica. Este achado ten máis valor se cabe despois da desaparición do derradeiro exemplar de bucardo (capra pyrenaica pyrenaica) no Parque Nacional de Ordesa-Monte Perdido no ano 2000. Segundo apuntaron os expertos, os primeiros seguimentos estiman nunha ducia os sobreviventes de cabra montés galaico-portuguesa. Porén non todo son boas novas:

      - A viabilidade da especie é francamente difícil – afirmou o profesor Arteaga – e moi probablemente, a falla de futuros estudos que o demostren, se atope irremediablemente afectada polos problemas derivados dunha prolongada endogamia, de aí que a opción que colle máis forza entre as que barallamos pase polo cruzamento coa victoriae, que goza no interior da Península Ibérica dunha poboación estable e coa que xa se realizaron tentativas de reintrodución. En calquera caso, malia que consigamos que a nosa cabra se estenda polos montes do Xurés, incluso superando a presión da cabra común, xa non será a mesma, pois aquela, tal e como a coñeceron os nosos antepasados, está condenada á extinción...



     Algunhas ligazóns: