21 de xan. de 2011

DA INAPLICABILIDADE DA FILOSOFÍA CARTESIANA ÁS CORREDOIRAS E DAS RESPOSTAS QUE ACHEGA NO CASO DAS ESTRADAS


     As corredoiras non agochaban filosofía ningunha. Non tiñan ciencia, vaia. Desprazábaste dun pereno por elas...  Raramente algún vehículo exercía presión ás túas costas. Tampouco atoparías ningún diante que se desacougase porque lle meteras présa. Chegabas ao teu destino, “aparcabas” e rematado aquilo que che obrigou a desprazarte, volvías sen máis gaitas. Fin do conto.

     Coas estradas ocorre o contrario. Seguro, pero seguro que, cando alguén monta nun automóbil, antes ou despois notará o alento na caluga doutro con apuro de máis. E aparecen os nervios. As suores. As miradas furtivas polo retrovisor. Primeiro, rosmas. Despois bérraslle sabendo que non te oe. Como a un árbitro pola tele. Cómpre actuar. Mais como? Foron moitos os sabios que ao longo da historia ofreceron respostas a esta pregunta. Desta volta, salientaremos a alternativa cartesiana como solución, aplicando os seus principios en función das circunstancias.

-o-

     Caso 1: Comarcal 305. Liña continua. Curvas cada pouco. Tráfico fluído. Circulas correctamente. Porén, o coche tuning-in-the-night que levas detrás, non o percibe así. Veche como zupia de estrada. Amólache. Fiestras abertas. Retumba o chunda chunda. Dáche luces. Incomódase. Como dicía Descartes:

“A miña segunda máxima consistía en ser nas miñas accións tan firme e decidido como puidese, e non seguir as opinións máis dubidosas, unha vez que me tivera decidido por elas, con menor constancia que se tivesen sido as máis seguras”.

     Tradución: Se respectas os límites e ao teu perseguidor lle proe, que se aguante. Vai máis amodo aínda.

-o-

     Caso 2: Cidade. Buscas onde aparcar. Un trauma? Unha putada? Non. Coñeces un lugar perfecto. E preto. Seguro que alí che agarda o oco soñado. Pero outros condutores axexan. Hienas! Rin: gui, gui, gui! Descartes escribiu:


“Coma un home que camiña só e ás escuras, resolvín avanzar tan lentamente e con tanta circunspección en todas as cousas que, por máis que avanzase pouco, me gardase polo menos de caer”.

     Tradución: Faite o parvo. Non amoses nin chica de seguridade. Esas feras chéirano. Seguirante. Descubrirán o teu segredo. E outro día ocuparán antes ca ti o lugar que crías reservado. Disimula. Como se ignorases que rumbo tomar. Menos guapo, chamarante de todo, certo. Pero xa marcharán, xa.

-o-

     Caso 3: O fulano continúa coméndoche o parachoques, indiferente á túa idiosincrasia cartesiana. Espaventos. Coseu o dedo á bucina. Dous empastes na queixada. Descartes deixouno moi claro:

“A fin de non permanecer indeciso nas miñas accións, mentres a razón me obrigase a selo nos meus xuízos, e non deixar de vivir, polo tanto, da maneira máis feliz que puidese, formeime unha moral provisional”.

     Tradución: Baixa a ventá e alíviate.