30 de xan. de 2011

AS BICICLETAS SON PARA OS GUETTOS


     Hainos que sempre levan as de perder. Parias que ocupan o derradeiro chanzo da escala social, fitoplancto na cadea trófica, o “h” na escrita... Invisibles, diminutos. Mudos. Mais, en calquera caso, resignadamente pacientes. Esta regra (non podía ser doutro xeito) contempla excepcións, na forma de leis da física. Dado que a presión é inversamente proporcional ao volume, cando se lles preme moito os globos pode ocorrer que estouren. Un alzamento proletario, unha evolución cara ao xigantismo fomentado por un choque planetario cun meteorito, unha revisión da normativa ortográfica que os reivindique... Unha vez rebentados, as cousas non tardan en volver ao rego. Cambialo todo para non trocar nada. Os novos xerifaltes cébanse igual cos pobres, o peixe grande acaba no bandullo do home pequeno e, das letras máis caladas, non se lembra nin Deus, antes Xehová con “h” intercalado.

     O expoñente claro no mundo das corredoiras e das estradas constitúeno os ciclistas. Naquelas, até ben entrada a época do mountain bike, só se lles permitía o acceso baixo a súa propia responsabilidade. A ver quen era o guapo que se metía por elas cunha bicicleta. Podías pinchar, caer nunha poza, poñerte de lama até as orellas... En principio, cando se optou por enchoupar até o último camiño de piche como sublime expresión do progreso, albiscaron un raio de esperanza. Vías en condicións polas que circular! Siiiiii! Por fin! Xa. Pero se o asfalto substituíu os pedregais, tamén os carros mudaron en coches. Ademais, gáñanlle en repugnantes. Que necesidade terán de alterar o teu tranquilo pedalear coa bucina avisándote da súa presenza, se ti andas con coidado, ti, piollo, ti que transitas pola túa man sen meterte con ninguén? Nunca sentiches a roda dun vehículo pegadiña á túa para que apartes? Nin a sensación de seguridade que transmite a gabia da túa dereita cando escoitas un motor ruxindo detrás do asento en contrapunto co que sucedería se te esnafrases á esquerda? Todo por non agardar dez segundos, nove, oito, a que remate a liña continua ou a que pase o camión que vén en sentido contrario. E se intentas defenderte paseando cun compañeiro facendo vulto en paralelo? Horror! Malia todo, concíbese algo peor. A traizón: ser respectuoso co ciclista até o momento legal e conveniente para adiantar. Porque os condutores aos que precedes non practican a virtude do santo Xob coma un paria, o fitoplancto e o “h”, ou si?

     Menos mal que sempre nos quedan os políticos. Ai, eses dirixentes! Cabezas pensantes con rodiñas internas (parece que as oio renxer) capaces de esquematizar os problemas, de sintetizalos, de clasificalos e ordenalos, para finalmente atopar unha solución. Unha sentenza. Algo que poidas incluír nun discurso como Berlanga coa palabra austrohúngaro nas súas películas. Acaso nunca oíches aquilo de “cómpre dotalos dun espazo propio”?. E serve tanto para un ghetto, como para un zoolóxico ou un dicionario. Para que alí poidan exercer o seu dereito... á miseria... a ser primeiro prato dunha balea... á h-onra. Onde non estorben.

     No caso dos ciclistas, o invento recibiu o nome de carril bici. Velaí un exemplo ilustrativo de como se promove o emprego do piñón e da biela en Galicia.