26 de xan. de 2011

LOBOS NAS CORREDOIRAS. LOBOS NAS ESTRADAS


     De neno tiña un pesadelo recorrente. Ou, para sermos exactos, un remate que se repetía. O empezo daba igual. De feito, por máis que o intento, non lembro ningún en concreto. Situacións intranscendentes, supoño, de aparente calma e normalidade, desas que ao espertar nunca recordas. De súpeto, unha imaxe. Un animal. Un Lobo. E abría os ollos. Pasados uns días, e así durante moitos meses, anos se cadra, perdida a noción do tempo na infancia, reaparecía. Ignoro que podía suxestionarme daquel xeito, o medo, se tal era a causa, que se manifestaba na forma de becho. Só me acordo, iso si, da derradeira noite na que a Fera se presentou. A única na que o soño non se interrompeu. Coñezo o sitio daquel encontro ou cando menos identifícoo cun lugar real, aínda que no meu pesadelo aparecía lixeiramente modificado, cuns muros de pedra do alto dun home delimitando un camiño de carros, hoxe asfaltado. Ao fondo, El. Fronte a fronte. E vaia tunda levou, Mundinho, vaia tunda! Non me estraña que non volvese máis.

     Durante lustros, descontando películas, reportaxes e reservas naturais, aqueles foron os contactos máis directos que mantiven co lobo. Até que nunha ocasión me crucei con El. Antes da alborada. Conducindo. Dirixíame cara ao traballo. Só o revirado daquel tramo evitaba que deixase caer as pálpebras dunha vez por todas. Daquela, a piques de chegar a unha curva, un pelello prateado saíu da escuridade para atravesar a estrada dun lado ao outro e perderse de novo na noite. Sei que non me engano. Que non me confundo. Que non era un can abichado. Pero no choio, nin Mundinho, nin Valeria, nin Ramires cren a miña historia. Din que alí non os hai.

     Resulta curioso comprobar de que maneira tan diferente reaccionan as persoas coa idade. De cativo abres os ollos para atoparte coa realidade. De adulto prefires pechalos para non vela.





(Detalle do cadro “O espertar da primavera” -tamén coñecido como “A perda da virxindade”- de Paul Gauguin en versión libre. Obsérvese como o xenial pintor simboliza a perversidade co lobo e remárcaa coa presenza da corredoira en segundo plano)

Para ver o orixinal, preme na seguinte ligazón:
"A perda da virxindade"